GRAVES RISCOS DE DESPRENDEMENTOS para a veciñanza e os traballadores

Preme aquí para ver o vídeo (2:12:15)

15/06/2018

Comparecencia do Director xeral de Enerxía e Minas D. Ángel Bernardo Tahoces sobre as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia, traslado aos xulgados e posterior intervención da policía en relación coa actividade mineira da empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI) no Concello de Mondoñedo.

Debido ao incumprimento, por parte da empresa, da orde de paralización na fronte de explotación por graves riscos de desprendementos e reiteración de 17 infraccións graves.

Máis información en: www.parlamentodegalicia.gal

Iniciativas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Á Mesa do Parlamento

Abel Losada Álvarez, Luis Manuel Álvarez Martínez, Concepción Burgo López, José Antonio Quiroga Díaz e José Manuel Pérez Seco, deputados e deputada pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa.

Exposición de motivos

Os veciños e veciñas de Veira do Río na parroquia de Santa María Maior e Lindín de Mondoñedo están preocupados e alarmados polos traballos de explotación na canteira desta parroquia, na que desenrola a súa actividade a empresa PIVERI S.L.

De feito os propios veciños crearon unha asociación que leva por nome “Afectados polas louseiras do Val do Río Baos”, da que xa forman parte 15 familias. E a día de hoxe xa presentaron varias denuncias ante o Concello e a Valedora para denunciar a situación actual.

Segundo os propios afectados esta canteira está levando a cabo traballos sen as normas de seguridade que marca a normativa de explotación das mesmas. Concretamente, poñen como exemplo que se realizan voaduras sen avisar aos veciños colindantes, e a casa máis próxima ten gretas no seu interior. E tamén advirten que non poden acceder aos seus propios terreos particulares para explotalos; xa que por dentro da canteira existe un camiño veciñal que a día de hoxe está completamente intransitable.

O Grupo Socialista puido constatar que este recinto carece de peche perimetral de seguridade, e tampouco conta cunha valla ou elemento que impida o acceso á mesma. Na entrada só hai un cartel que impide o acceso as instalacións, cando é un recinto onde se fan as voaduras, ademais de traballar con maquinaria pesada e de gran tonelaxe.

Por todo o exposto, os deputados e a deputada que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate:

1. Coñece a Xunta de Galicia as denuncias presentadas por parte dos veciños pola actividade desenvolvida pola empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo?

2. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas de seguridade das persoas e dos bens en relación coa súa actividade?

3. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas de seguridade laboral?

4. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas medioambientais?

5. Cales son as actuacións que a Xunta que vai esixir ao respecto destes ámbitos á esta empresa?

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate:

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia:

1. A facer cumprir as normas de seguridade persoas e bens na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

2. A facer cumprir as normas de seguridade laboral na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

3. A facer cumprir as normas medioambientais na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

Pazo do Parlamento, 6 de febreiro de 2018

Abel Losada Álvarez

Luis Manuel Álvarez Martínez

Concepción Burgo López

José Antonio Quiroga Díaz

José Manuel Pérez Seco

Deputados e deputada do G.P. dos Socialistas de Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga

Portavoz do G.P. dos Socialistas de Galicia

Xuntanza coa Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López

Mantívose reunión con Rocío López, Alcaldesa do Concello de Lourenzá.

Xuntanza coa Alcaldesa de Lourenzá (28/12/17)

Rocío López mostrou un alto grao de coñecemento da problemática a tratar debido as informacións que a súa veciñanza lle está facendo chegar.

Amosou preocupación polo que están a padecer os veciños e veciñas das parroquias do limítrofe concello de Mondoñedo, cousa que foi de agradecer, pero quixo destacar que eran cuestións a resolver por o Concello ao que pertencen.

No que afecta ao Concello de Lourenzá, o abastecemento de auga potable, a Alcaldesa interesouse por as consecuencias das practicas realizadas por a empresa concesionaria Pizarras Veira do Río (PIVERI). As dúas concesións que xestiona dita empresa contan con sendos proxectos que se están a incumprir debido á pasividade da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Xunta de Galicia), organismo encargado de velar por o cumprimento da normativa nese tipo de concesións.

A balsa de decantación da 5646, ademais doutras zonas e tipos de vertidos, atopase fora dos límites da explotación e verte directamente ao río, sendo o epicentro do vertido de lodos ao Río Baos e posterior acumulamento no encoro de onde se capta a auga potable para o consumo do concello de Lourenzá.

Encoro que fai 4 anos fora dragado debido a acumulación de lodos, e que nestes momentos xa se pode observar a simple vista que comeza a atoparse na mesma situación.

Recordar que se gastaran case un millón de euros (964.992,96 ) no dragado do encoro de Lourenzá.

A Alcaldesa comunicounos que se porá en contacto coas administracións competentes no que afecta ao seu Concello, e ademais anunciounos unha próxima visita a zona en cuestión que afecta aos veciños e veciñas de Lourenzá.

Dende a Xunta Directiva queremos agradecer ser recibidos por a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

Grazas.

Informativos da Televisión de Galicia

Preme aquí para ver o vídeo.

As louseiras que operan á beira das casas provocan queixas nos veciños de Mondoñedo

As louseiras que operan no val do río Vaos, en Mondoñedo, provocan queixas en varias parroquias. Os veciños denuncian que lles contaminan a auga dos ríos e lles estragan as pistas públicas.

Os veciños de Santa María Maior e de Lindín, en Mondoñedo, afirman que están a vivir un auténtico inferno dende que unha empresa louseira opera á beira mesmo das súas casas. Ademais de soportaren o ruído da maquinaria, sinalan que os camións que levan a lousa deixaron as pistas inservibles e que algúns camiños públicos incluso desapareceron.

Os afectados quéixanse tamén de que os depósitos das louseiras están a contaminar a auga dos ríos. Din que xa denunciaron todos estes feitos perante o Seprona, o Concello de Mondoñedo e mais Industria, pero así e todo a empresa continúa cunhas prácticas que consideran ilegais.

As dúas louseiras denunciadas pertencen á mesma empresa. Unha delas abriuse hai agora un ano.

Xuntanza con En Marea

O deputado no Congreso, Anxo Fernández Bello; o Parlamentario, Antón Sánchez e membros de En Marea de Mondoñedo reuníronse con membros da Xunta Directiva.

Xuntanza con En Marea (15/12/17)

Esta expúxolles as demandas, dos veciños e veciñas, debidas aos incumprimentos en materia medioambiental, coas propiedades privadas veciñais, da minería con explosivos, da convivencia, da rede viaria pública municipal e da seguridade cidadá. Problematicas que están a ocasionar as dúas louseiras entre a veciñanza debido aos reiterados incumprimentos na normativa.

Aos membros de En Marea resultoulles especialmente rechamante que os afectados sexan os que teñan que pedir ás diferentes administracións que se faga cumprir a lei.

Mostraron especial preocupación en que a Xunta de Galicia investira nas concentracións parcelarias das parroquias de Lindín e Santa María Maior, e que posteriormente se favorecera a expropiación desas terras agrarias en favor dos intereses particulares de determinadas empresas privadas de orixe foráneo. Terras que eran traballadas por os agricultores do lugar, xerando riqueza e fixando poboación en ditas parroquias do concello de Mondoñedo. Situación que a día de hoxe continua a empeorar debido a que a empresa Pizarras Veira do Río (PIVERI) segue a enviar cartas de expropiación co fin de presionar aos lexítimos propietarios das terras. Empregando artimañas como a inutilización das vías públicas de aceso a ditos terreos por medio de voaduras malintencionadas, e realizando coa súa maquinaria pesada estragos importantes en ditas vías públicas. O que agrava aínda máis a situación de indefensión da veciñanza.

Tamén foi tema de preocupación a situación da captación do abastecemento de auga potable, do concello limítrofe de Lourenzá, que non foi tido en conta no proxecto de ampliación da louseira ao ser obviada no Informe de Impacto Ambiental (IIA).

No referido ao Concello de Mondoñedo, coincidiron coa Asociación en que o cumprimento da normativa no referido aos espazos e vías públicas de titularidade municipal é competencia do Goberno Municipal.

En Marea ofreceu a mediación de ámbolos dous grupos parlamentares nos que ten presenza en aras de resolver a problemática xerada pola empresa, instando as administracións competentes a velar polo cumprimento da lei.

Dende a Xunta Directiva queremos destacar o compromiso mostrado por os membros de En Marea cos veciños e veciñas.

Grazas.

Visita do BNG

A Parlamentaria, Olalla Rodil; o Deputado provincial, Antonio Veiga; a Responsable Comarcal, Ana Ermida e a Concelleira e o Portavoz Municipal do BNG, Elena Freire e Eloi Cabanas achegáronse ata as inmediacións das louseiras para comprobar en persoa a problemática que estas están a xerar entre a veciñanza.

Visita do BNG á louseira 5873 (7/12/17)

Onde puideron verificar de primeira man a imposibilidade de convivencia nunhas mínimas condicións e de desenvolver con normalidade as actividades económicas propias dos veciños e veciñas. Ademais da gravidade de sufrir as condicións de inseguridade viaria nas vías públicas de titularidade municipal estragadas por a maquinaria pesada das louseiras.

Visita do BNG á louseira 5646 (7/12/17)

Os membros do BNG recolleron as demandas dos afectados e presentaran as iniciativas oportunas nas diferentes institucións. Levando en concreto ao Parlamento de Galicia unha proposta para que a Xunta de Galicia supervise se a empresa Pizarras Veira do Río (PIVERI) está a cumprir os plans de labores en ámbalas dúas louseiras.

Dende a Xunta Directiva queremos destacar o compromiso mostrado por os membros do BNG cos veciños e veciñas.

Grazas.

Xuntanza coa Alcaldesa, Elena Candia

Membros da Xunta Directiva mantiveron reunión con Elena Candia, Alcaldesa do Concello de Mondoñedo e Presidenta do PP de Lugo.

Fotografía non dispoñible (4/12/17)

Sendo coñecedora a Alcaldesa da boa disposición que tivera a veciñanza á hora de chegar a acordos coa empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI), e posterior incumprimento por parte da empresa dos acordos de case xa fai un ano. E debido a que estaba ao corrente das practicas realizadas por as louseiras ao ser informada a través de multitude de escritos no rexistro do Concello, non foi preciso detallarlle todos os estragos e procedeuse a informala das últimas desfeitas.

A Alcaldesa comunicou de que está traballando nun expediente para que a empresa arranxe as vías que estragou e corrixir así a deficiencia xerada en materia de seguridade viaria. A asociación solicitouse celeridade xa que a veciñanza fai uso das vías todos os días e que o orzamento económico non repercuta nas arcas públicas, senón que as asuma o causante.

No relativo á defensa das propiedades privadas a Alcaldesa indicou que é misión dos seus lexítimos propietarios.

Quixemos facer constar que o nivel de esixencia dende o Concello ás empresas madeireiras é moito maior que ás louseiras, sendo as dúas actividades moi parellas en funcionamento e afección. Por o que é de recibo trato igualitario.

Nos puntos de que a empresa xera empregos e de que as leis están para seren cumpridas, ambas partes coincidiron. Pero dende a Asociación puntualizouse que o resto de actividades económicas non se deben ver afectadas, e que na contorna hai empresas cun número similar e ata incluso con máis empregados que cumpren as leis.

A Alcaldesa comentou que está a influír moito a actitude da empresa, porque hai outras canteiras na zona e operan doutro xeito.

Como remate dende a Asociación indicóuselle que os veciños temos o mesmo dereito de vivir e traballar que a empresa das louseiras.

Dende a Alcaldía suxiriusenos que estamos abocados a levar as louseiras ante os xulgados. Punto que a Asociación non desbota, pero incidíuselle a Señora Alcaldesa que dito caso sería no relativo ás propiedades privadas dos veciños e veciñas, pero que no caso concreto das vías públicas de titularidade municipal é competencia do Concello.

Dende a Xunta Directiva queremos agradecer ser recibidos por a Alcaldesa, Elena Candia, e queremos convidala a visitarnos.

Xuntanza co PSdeG-PSOE de Mondoñedo

Dáse por iniciada a xira de reunións de presentación e información ante os diferentes grupos políticos.

Membros da Xunta Directiva, dentro da xira de reunións informativas que fora disposta na asemblea de constitución da Asociación, reuníronse co grupo municipal do PSdeG-PSOE de Mondoñedo.

Xuntanza co PSdeG-PSOE de Mondoñedo (3/12/17)

Xuntanza na que se informou da problemática xerada por as louseiras situadas nas parroquias de Lindín e Santa María Maior (pertencentes ao Concello de Mondoñedo) no eido medioambiental, das propiedades privadas veciñais, da minería con explosivos, da rede viaria pública municipal e da seguridade cidadá.

Onde quedou demostrada a boa disposición da veciñanza a hora de chegar a acordos coa empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI), e posterior incumprimento por parte desta do acordado.

Dende a Xunta Directiva púxose de exemplo o recentemente acontecido na concesión 5646 onde se incendiou unha maquina perforadora que acudiron a sufocar dous camións de bombeiros e estes se viron imposibilitados de chegar ao foco do incendio debido ao estado de desfeita da vía municipal, vía que o resto da veciñanza tamén ten o dereito de empregar para o correcto tránsito e desenvolvemento das súas actividades económicas pero que na práctica se lle está a impedir por parte da empresa.

Dende o grupo municipal acolleron de bo grao as demandas dos afectados, ao quedar constatado que se trata de situacións de ilegalidade xeradas por a empresa no exterior do perímetro das louseiras. Mostrando a súa disposición de seguimento do caso, e interpelación ante os organismos implicados para a súa adecuación a legalidade vixente. E ofrecendo a mediación do seu grupo parlamentar e facilitar así a incoación ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria sobre documentación relativa aos expedientes de sendas louseiras.

Dende a Xunta Directiva queremos destacar o compromiso mostrado por o PSdeG-PSOE de Mondoñedo cos veciños e veciñas.

Grazas.

Incidente tras accidente

No día de onte no perímetro da concesión mineira 5646 da empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI), esta sufriu un incidente que provocou un incendio que calcinou diversa maquinaria. Sendo necesario o desprazamento ata o lugar de Protección Civil de Mondoñedo (motobomba incluída) e dous camións do Parque de Bombeiros de Barreiros.

Columna de fume

Dende a asociación “Afectados polas louseiras” valoramos que non se produciron danos entre o persoal e queremos destacar e agradecer o traballo realizado por os servizos de emerxencia.

Así e todo, debemos incidir no mal facer da empresa xa que o estado de deterioro e desfeita no que deixou as vías públicas de titularidade municipal (entre elas a derrubada este domingo debido as voaduras) que tamén comunican as propiedades lindeiras da veciñanza, imposibilitou unha chegada máis pronta dos camións de bombeiros ao estes teren que recuar e buscar unha vía alternativa para poder aproximárense ao foco do incendio.

A historia repítese

Se o 13 de abril vimos como a empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI) sufría un derrube na concesión 5873 sepultando unha retroescavadora, sen danos no seu persoal ao ser día festivo.

Neste 27 de novembro a historia do derrube repítese, pero neste caso na concesión 5646 (tamén da mesma empresa). Desta vez tampouco sufriron danos os traballadores ao coincidir en día non laborable pero o que si se produciron foron danos nas propiedades privadas lindeiras e na vía pública de titularidade municipal que da aceso aos terreos adicados a uso agrogandeiro. A vía derrubada na que tamén se detectaron novas fendas que favoreceran futuros derrubes quedou inutilizada e deixou sen parte do seu aceso aos terreos lindeiros, e ademais é un grave perigo para os condutores e viandantes que descoñecen a situación ao se atoparen cun desnivel vertical duns 20 metros de caída vertical á saída dunha curva.

Derrube na 5646

Dito derrube foi claramente debido as voaduras con explosivos realizadas durante a semana pasada sen os mínimos controis de seguridade, sen un estudo previo do terreo e por a omisión intencionada dos límites da louseira. Voaduras denunciadas, nesa mesma semana e con anterioridade ao derrube, ante a Guardia Civil por os veciños próximos a louseira que sufriron danos nas súas propiedades e vivendas.

Sumado a isto hai que denunciar o martes pasado un vertido de gasóleo no que se deixou un regueiro ao longo de 530 metros na estrada municipal entre as aldeas de A Beira do Río e Soutoxoane, provocando que co inicio das chuvias o asfalto esvaradío puidera favorecer accidentes por saídas da estrada. Cabe salientar que o gasóleo filtrado ao terreo dista 65 metros do Río Baos, río no que se abastece de auga potable o Concello de Lourenza.

A vertedura foi debida a que o transporte no que se efectúa o transporte do gasóleo incumpre todas as normas en materia de transporte por estrada de mercancías perigosas e o seu almacenamento, debido a que se realiza nunha cisterna de purín “adapta”, cunha capacidade de 2000 litros. Realizándose o transporte sempre con nocturnidade, por sabendas do incumprimento da normativa.

A cisterna de purín aparece reflexada no informe fotográfico da acta-denuncia núm. 2017-101704-00000062 da patrulla do SEPRONA, atopándose estacionada na parcela 546 (polígono 503) propiedade de Pizarras Veira do Río S.L.

Cisterna de purín “adaptada” na 5873

En vista da situación a asociación “Afectados polas louseiras” denuncia publicamente que a política da empresa consiste en presionar a veciñanza e ao resto de actividades económicas do Val do Río Baos para o abandono das súas lexítimas propiedades e vivendas e posterior exilio para “non estorbar”, e así a empresa ter un uso exclusivo das vías públicas e en consecuencia apropiarse delas.

Dende a Asociación solicitaranse reunións coas respectivas alcaldesas dos concellos de Mondoñedo e Lourenzá, así como tamén se requirirá unha reunión informativa in situ da Consellería de Economía, Emprego e Industria, onde o enxeñeiro supervisor de sendas concesións e dependente da Consellería informe ante os veciños e veciñas de que medidas se tomarán coa empresa concesionaria debido a que a falta de medidas medioambientas, de saúde pública, e de seguridade laboral e viaria son unha práctica arraigada na empresa e se precisan solucións urxentes ante a previsible situación de danos persoais de maior envergadura.