Xuntanza con En Marea

O deputado no Congreso, Anxo Fernández Bello; o Parlamentario, Antón Sánchez e membros de En Marea de Mondoñedo reuníronse con membros da Xunta Directiva.

Xuntanza con En Marea (15/12/17)

Esta expúxolles as demandas, dos veciños e veciñas, debidas aos incumprimentos en materia medioambiental, coas propiedades privadas veciñais, da minería con explosivos, da convivencia, da rede viaria pública municipal e da seguridade cidadá. Problematicas que están a ocasionar as dúas louseiras entre a veciñanza debido aos reiterados incumprimentos na normativa.

Aos membros de En Marea resultoulles especialmente rechamante que os afectados sexan os que teñan que pedir ás diferentes administracións que se faga cumprir a lei.

Mostraron especial preocupación en que a Xunta de Galicia investira nas concentracións parcelarias das parroquias de Lindín e Santa María Maior, e que posteriormente se favorecera a expropiación desas terras agrarias en favor dos intereses particulares de determinadas empresas privadas de orixe foráneo. Terras que eran traballadas por os agricultores do lugar, xerando riqueza e fixando poboación en ditas parroquias do concello de Mondoñedo. Situación que a día de hoxe continua a empeorar debido a que a empresa Pizarras Veira do Río (PIVERI) segue a enviar cartas de expropiación co fin de presionar aos lexítimos propietarios das terras. Empregando artimañas como a inutilización das vías públicas de aceso a ditos terreos por medio de voaduras malintencionadas, e realizando coa súa maquinaria pesada estragos importantes en ditas vías públicas. O que agrava aínda máis a situación de indefensión da veciñanza.

Tamén foi tema de preocupación a situación da captación do abastecemento de auga potable, do concello limítrofe de Lourenzá, que non foi tido en conta no proxecto de ampliación da louseira ao ser obviada no Informe de Impacto Ambiental (IIA).

No referido ao Concello de Mondoñedo, coincidiron coa Asociación en que o cumprimento da normativa no referido aos espazos e vías públicas de titularidade municipal é competencia do Goberno Municipal.

En Marea ofreceu a mediación de ámbolos dous grupos parlamentares nos que ten presenza en aras de resolver a problemática xerada pola empresa, instando as administracións competentes a velar polo cumprimento da lei.

Dende a Xunta Directiva queremos destacar o compromiso mostrado por os membros de En Marea cos veciños e veciñas.

Grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *