Xuntanza coa Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López

Mantívose reunión con Rocío López, Alcaldesa do Concello de Lourenzá.

Xuntanza coa Alcaldesa de Lourenzá (28/12/17)

Rocío López mostrou un alto grao de coñecemento da problemática a tratar debido as informacións que a súa veciñanza lle está facendo chegar.

Amosou preocupación polo que están a padecer os veciños e veciñas das parroquias do limítrofe concello de Mondoñedo, cousa que foi de agradecer, pero quixo destacar que eran cuestións a resolver por o Concello ao que pertencen.

No que afecta ao Concello de Lourenzá, o abastecemento de auga potable, a Alcaldesa interesouse por as consecuencias das practicas realizadas por a empresa concesionaria Pizarras Veira do Río (PIVERI). As dúas concesións que xestiona dita empresa contan con sendos proxectos que se están a incumprir debido á pasividade da Consellería de Economía, Emprego e Industria (Xunta de Galicia), organismo encargado de velar por o cumprimento da normativa nese tipo de concesións.

A balsa de decantación da 5646, ademais doutras zonas e tipos de vertidos, atopase fora dos límites da explotación e verte directamente ao río, sendo o epicentro do vertido de lodos ao Río Baos e posterior acumulamento no encoro de onde se capta a auga potable para o consumo do concello de Lourenzá.

Encoro que fai 4 anos fora dragado debido a acumulación de lodos, e que nestes momentos xa se pode observar a simple vista que comeza a atoparse na mesma situación.

Recordar que se gastaran case un millón de euros (964.992,96 ) no dragado do encoro de Lourenzá.

A Alcaldesa comunicounos que se porá en contacto coas administracións competentes no que afecta ao seu Concello, e ademais anunciounos unha próxima visita a zona en cuestión que afecta aos veciños e veciñas de Lourenzá.

Dende a Xunta Directiva queremos agradecer ser recibidos por a Alcaldesa de Lourenzá, Rocío López.

Grazas.

Informativos da Televisión de Galicia

Preme aquí para ver o vídeo.

As louseiras que operan á beira das casas provocan queixas nos veciños de Mondoñedo

As louseiras que operan no val do río Vaos, en Mondoñedo, provocan queixas en varias parroquias. Os veciños denuncian que lles contaminan a auga dos ríos e lles estragan as pistas públicas.

Os veciños de Santa María Maior e de Lindín, en Mondoñedo, afirman que están a vivir un auténtico inferno dende que unha empresa louseira opera á beira mesmo das súas casas. Ademais de soportaren o ruído da maquinaria, sinalan que os camións que levan a lousa deixaron as pistas inservibles e que algúns camiños públicos incluso desapareceron.

Os afectados quéixanse tamén de que os depósitos das louseiras están a contaminar a auga dos ríos. Din que xa denunciaron todos estes feitos perante o Seprona, o Concello de Mondoñedo e mais Industria, pero así e todo a empresa continúa cunhas prácticas que consideran ilegais.

As dúas louseiras denunciadas pertencen á mesma empresa. Unha delas abriuse hai agora un ano.