Iniciativas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Á Mesa do Parlamento

Abel Losada Álvarez, Luis Manuel Álvarez Martínez, Concepción Burgo López, José Antonio Quiroga Díaz e José Manuel Pérez Seco, deputados e deputada pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa.

Exposición de motivos

Os veciños e veciñas de Veira do Río na parroquia de Santa María Maior e Lindín de Mondoñedo están preocupados e alarmados polos traballos de explotación na canteira desta parroquia, na que desenrola a súa actividade a empresa PIVERI S.L.

De feito os propios veciños crearon unha asociación que leva por nome “Afectados polas louseiras do Val do Río Baos”, da que xa forman parte 15 familias. E a día de hoxe xa presentaron varias denuncias ante o Concello e a Valedora para denunciar a situación actual.

Segundo os propios afectados esta canteira está levando a cabo traballos sen as normas de seguridade que marca a normativa de explotación das mesmas. Concretamente, poñen como exemplo que se realizan voaduras sen avisar aos veciños colindantes, e a casa máis próxima ten gretas no seu interior. E tamén advirten que non poden acceder aos seus propios terreos particulares para explotalos; xa que por dentro da canteira existe un camiño veciñal que a día de hoxe está completamente intransitable.

O Grupo Socialista puido constatar que este recinto carece de peche perimetral de seguridade, e tampouco conta cunha valla ou elemento que impida o acceso á mesma. Na entrada só hai un cartel que impide o acceso as instalacións, cando é un recinto onde se fan as voaduras, ademais de traballar con maquinaria pesada e de gran tonelaxe.

Por todo o exposto, os deputados e a deputada que asinan formulan as seguintes preguntas para o seu debate:

1. Coñece a Xunta de Galicia as denuncias presentadas por parte dos veciños pola actividade desenvolvida pola empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo?

2. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas de seguridade das persoas e dos bens en relación coa súa actividade?

3. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas de seguridade laboral?

4. Coas denuncias existentes por parte dos veciños, considera a Xunta de Galicia que a empresa PIVERI S.L. está cumprindo as normas medioambientais?

5. Cales son as actuacións que a Xunta que vai esixir ao respecto destes ámbitos á esta empresa?

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate:

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia:

1. A facer cumprir as normas de seguridade persoas e bens na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

2. A facer cumprir as normas de seguridade laboral na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

3. A facer cumprir as normas medioambientais na explotación da canteira da empresa PIVERI S.L. no concello de Mondoñedo.

Pazo do Parlamento, 6 de febreiro de 2018

Abel Losada Álvarez

Luis Manuel Álvarez Martínez

Concepción Burgo López

José Antonio Quiroga Díaz

José Manuel Pérez Seco

Deputados e deputada do G.P. dos Socialistas de Galicia

Xoaquín Fernández Leiceaga

Portavoz do G.P. dos Socialistas de Galicia